mércores, 14 de xaneiro de 2015

PRESUMO DO GALEGO!

Prezados/as amigos/as,
Comezamos o novo ano dando conta de diversas liñas de traballo que a CGENDL mantén no presente curso e solicitando a vosa colaboración para avanzarmos no proceso de normalización lingüística no ensino e na sociedade:
Presume de Galego
Como xa informamos no seu día, a Coordinadora está a planificar unha campaña para poñer en valor ante a sociedade o coñecemento e uso que fan da lingua no día a día os e as galegofalantes máis novos. Aínda que está en proceso o deseño da campaña, xa programamos unha acción (Presume de Galego) que queremos testar con todos e todas vós e que consiste en realizar gravacións de menos de 1 minuto seguindo as instrucións que atoparedes en http://coordinadoraendl.org/presume_de_galego/.
Repositorio de recursos didácticos para os ENDL e para as aulas
 
Conscientes da precariedade na que se desenvolve habitualmente o noso traballo cotián, unha das liñas de traballo prioritarias da CGENDL é poñer á vosa disposición recursos e propostas para os Equipos e para traballar determinadas áreas, competencias e temáticas en galego. Entre todos e todas podemos contribuír a dotar de material o apartado de recursos que hai na nosa páxina web e que xa chega aos 250 recursos:  http://coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=rec_rec.php. Ademais de consultar e empregar este amplo abano de propostas, podedes achegar a través deste formulario aqueles materiais que consideredes para compartir. Se tedes calquera dúbida ou problema á hora de cumprimentar o formulario e enviar os recursos, escribide a correo@coordinadoraendl.org. Nesta ocasión, facemos especial fincapé nas seguintes áreas:
  • Alumnado con necesidades educativas especiais e materiais do Departamento de Orientación.
  • Adquisición e desenvolvemento da lectoescritura.
  • O entroido (monográfico especial en http://coordinadoraendl.org/entroido/index.php)
  • Día da Paz.
Por último, informamos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar as axudas aos ENDL para desenvolver os proxectos de fomento do galego nos centros de esino non universitario, tanto públicos como privados, así como os premios aos Proxectos de Innovación en Dinamización Lingüística. Tedes toda a información sobre estas convocatorias en http://www.xunta.es/linguagalega/convocatorias_de_subvencions.
 
Saúdos normalizadores
Consello Directivo
CGENDL


Ningún comentario:

Publicar un comentario