Martes 10 de Maio ás 18/00 na Biblioteca Xosé Neira Vilas ( Martínez Garrido, 21) Preséntase o libro Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores, volume II da colección sobre toponimia das parroquias de Vigo.
Contarase coa participación do autor, Iván Sestai, e o vicerreitor de extensión universitaria Henrique Costas.
Oranizan: SNL do Concello de Vigo, e Universidade de Vigo.
Colabora: Biblioteca Xosé Neira Vilas, Concello de Vigo.
A CDEDLG de Vigo e bisbarra pon á vosa disposición un novo blogue dentro do apartado "Dinamizacdedlg" adicado á figura de Lois Pereiro. Aí podedes atopar enlaces de interese, información variada, videos e outros sobre o autor homenaxeado este ano no " Día das Letras Galegas" . Tendes tamén acceso directo á páxina de recursos da Coordinadora Galega.
Lembrámosvos que no mesmo enderezo ( blogue da CDEDLG á dereita arriba) tendes outro blogue adicado á figura de Álvaro Cunqueiro.
Esperamos que sexan do voso interese e de utilidade
Edicións Xerais ofrece a todos os seus lectores e lectoras o primeiro capítulo en pdf de Non hai noite tan longa, a novela de Agustín Fernández Paz, que estará nas librerías a mediados do mes de maio.
Non hai noite tan longa conta o regreso de Gabriel Lamas, un home de 50 anos asentado en París, á vila galega na que naceu. É a primeira vez en trinta anos que pisa a súa terra. Non volveu nin sequera para darlle sepultura ao pai, condenado e encarcerado a finais dos sesenta por un delito que non cometeu. A Galicia coa que se atopa en 2002, tras a morte da súa nai, é moi distinta da que deixara en 1970. O que non cambiou foi a ferida que o arredou dos seus e o levou a Francia, aínda sen estiñar. A mala conciencia segue intacta. “A novela é un axuste de contas coa miña xeración”, explica Agustín Fernández Paz. Para máis información, aquí.
O vindeiro 12 de maio co gallo da celebración do Día das letras Galegas 2011, o Verbum – Casa das Palabras inaugura a exposición Lois Pereiro. Lírica Punk.
Lírica Punk, non é unha exposición ao uso, Lois Pereiro, tampouco foi un poeta ao uso. A súa obra compón un universo creativo singular, unha cartografía da emoción humana na que o poeta teceu as súas vivencias persoais cos fíos da cultura universal. Un territorio inquietante, que invita a ser explorado. Para facelo, construímos un camiño de entrada, a través dunha metáfora tan presente na vida do poeta como a do tren. En cada parada, atoparedes referentes, linguaxes, temas, símbolos e imaxes que vos achegarán á vida e á obra de Lois Pereiro... Convidámosvos a comezar con nós esta viaxe.
A súa imaxe é un resumo perfecto dos complicados anos 80, o punk, o pop, a apertura ás influencias europeas, a renovación da poesía galega, a colza, a droga, todo un rosario de elementos que caracterizaron unha xeración completa de Galicia.
Dende o Departamento Educativo de Verbum - Casa das Palabras animámosvos a participar nas visitas comentadas organizadas ao redor da exposición.
Datas: do 18 de maio ao 26 de xuño de 2011
Destinatarios: Educación secundaria e bacharelato
Temporización: 45 min
Información e reserva: Tf. 986 240 130 ou en verbum@vigo.org
Os "Faladoiros" é unha actividade que facemos todos os anos no CEIP Pintor Laxeiro e que aparece no noso Proxecto de Fomento do Uso do Galego.
Nesta actividade dunha forma oral, lúdica e educativa @ alumn@ disfruta preparando e participando nunha serie de actividades que lle permiten ver que o galego tamén é unha fonte de pracer e diversión.
Traballamos dous ou tres faladoiros cada ano.
A proposta do EDLG, e partindo dun tema dado, ou ben con tema libre se así o acordamos, cada aula prepara unha actividade ( poemas, recitados, cantigas, bailes, lendas, contos, tradicións,…) para, na data fixada, representar diante d@s súas/seus compañeir@s de Ciclo ou de Centro, atendendo á organización que en cada intre se faga do mesmo.
De cada Faladoiro facemos unha montaxe fotográfica e un vídeo no que queda plasmada a actividade que realiza cada grupo de nenos/as participantes.
Se queredes disfrutar e compartir a experincia premede neste enlace e baixade o arquivo.
Reserva a túa entrada para o acto nacional que organiza a plataforma Queremos Galego este sábado
Este sábado ás 19.30 h, na sala Capitol de Santiago de Compostela, a plataforma Queremos Galego organiza un acto nacional en defensa da nosa lingua.
As entradas, ao prezo simbólico de 5 euros, reservaranse na páxina web da plataforma cidadá, www.queremosgalego.org, ou directamente na seguinte ligazón
e retiraranse na billeteira da Sala Capitol o mesmo 30 de abril a partir das 19 h.
O acto terá unha parte de concerto, coas intervencións de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado.
Ademais, intervirán Manuel Rivas, Teresa Moure, Ernesto Chao, Pilar García Negro, Carlos Negro e Carlos Callón.
Se ademais de asistires ao acto queres contribuír a darlle difusión na túa localidade, centro de estudos ou de traballo, entre os teus contactos na rede, etc., na sección de 'Materiais' da páxina da plataforma atoparás diferentes modelos de báners para colocares noutros webs, blogues persoais, etc.
A Sala Capitol está na rúa Concepción Arenal, 5, ao carón da praza de Galiza
Na páxina da Coordinadora Galega de ENDL poñemos á vosa disposición un monográfico especial dedicado á figura e á obra de Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011. Nel, atoparedes unha escolma de recursos didácticos como actividades en liña, propostas de traballo para as aulas ou unha fonoteca e unha videoteca. Agardamos que vos sirva de axuda e pedímosvos que nos acheguedes novos materiais para compartir cos Equipos de Normalización e a comunidade educativa en xeral. http://www.coordinadoraendl.org/letras2011/index.php?pax=mat
A Comisión Promotora Galiza co Galego, en colaboración coa plataforma Prolingua, invítao a participar no acto público a prol da educación en galego que terá lugar o venres 29 de abril, en horario de 20:00 a 21:30 horas, na Casa Galega da Cultura situada na Praza da Princesa do Concello de Vigo.
Programa:
Presentación a cargo de dona Iolanda Veloso Ríos, concelleira da Área de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Relatorios:
“Razóns para educar en Galego”.
Relatorio a cargo de D. Manuel Bragado Rodríguez, licenciado en Ciencias da Educación, mestre de educación infantil e primaria, ex presidente da asociación pedagóxica Nova Escola Galega e director xeral de Edicións Xerais de Galicia.
“Linguas minorizadas europeas en proceso de normalización”.
Relatorio a cargo de D. Xosé-Henrique Costas González, lingüista, director de Normalización Lingüística e vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.
“Construíndo futuro; escolas en galego”.
Relatorio a cargo da Comisión Galiza co Galego, con información sobre o traballo desenvolvido cara a facer efectivo o noso dereito á educación en galego.
Grazas ao apoio das/os nosas/os socias/os e dos preto de 3.000 compromisos acadados do movemento popular de Galiza co Galego, podemos realizar actos divulgativos como este.
Agradeceriamos a súa asistencia a este acto, así como a divulgación deste comunicado.
O presidente.
Francisco X. López
Situación do lugar do acto: Casa Galega da Cultura
Enderezo: Praza da Princesa, 2, 36202 Vigo
Coordenadas de localización conforme Google Earth:
Neste enderezo podedes acceder a un libro de poesía adicado ás estrelas en formato Power Point, " O libro das estrelas", elaborado polo alumnado do CEIP Pombal de Vigo . As poesías e as ilustracións son do alumnado de tódolos ciclos. Pinchando no título accededes antes.
A plataforma Prolingua (http://prolinguagalega.org/) presentou o sábado no rexistro central da Xunta unha carta dirixida a Feijoo demandándolle o compromiso de non reformar a Lei de Normalización Lingüística de non ser por unanimidade, como foi promulgada no seu día en 1983.
(http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/un-simbolo-case-
sagrado/idEdicion-2011-04-10/idNoticia-658011/). Isto veu motivado pola pretensión de moitas persoas de modificar o artigo 10 da LNL sobre a toponimia, último reduto de exclusividade da lingua galega en toda a normativa existente.
No sitio web de Prolingua (http://prolinguagalega.org/) podes ler a carta completa e asinala, se así o desexas. Nestes momentos preto de 1.000 persoas xa asinaron en defensa da LNL.
10 ILUSTRADORES PARTICIPAN NA EXPOSICIÓN “SOÑOS ILUSTRADOS” QUE SE INAUGURA ESTE VENRES NA ESCOLA DE ARTES E OFICIOS DE VIGO
VIGO martes 12 abril 2011
Ata o 10 de xuño a mostra recolle os orixinais dunha vintena de álbums editados por Kalandraka
Despois do éxito acadado coa exhibición de “Proxecto apertura” que inaugurou a nova sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo –-o “Espazo EMAO--, ábrese unha nova mostra da man dos mellores ilustradores que teñen publicado na recoñecida editorial Kalandraka. Ramón Trigo, Marc Taeger, David Pintor, Pablo Otero, Óscar Villán, Federico Fernández, Alicia Suárez, Juan Rivas, Francisco Pérez Porto e Kiko Da Silva son os dez ilustradores que participan na exposición “Soños Ilustrados: Kalandraka, 12 anos de álbum galego”, que se pode visitar no Espazo EMAO da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a partir deste venres, 15 de abril, e ata o 10 de xuño. A mostra reúne -por primeira vez en Vigo- un grupo de ilustracións e traballos pertencentes a unha vintena de álbums editados por Kalandraka.
As obras abarcan unha ampla variedade de estilos e disciplinas artísticas: desde obra pictórica, ata cerámica, pasando por banda deseñada, colaxe ou figuras tridimensionais. Os comisarios da exposición, Federico Fernández e Miguel Vázquez, destacaron que esta mostra, aberta non só ao alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios, senón tamén ao público en xeral, pretende “elevar a ilustración infantil, unha modalidade que nos últimos anos acadou unha notable importancia, á categoría de ARTE en letras maiúsculas”.
O artista vigués Ramón Trigo presenta unha escolma de obras realizadas para o libro “As luces que acenden e se apagan” e mais a novela gráfica “O burato do inferno”, ambas editadas no selo Faktoría K, de Kalandraka.
Do ilustrador suizo afincado en Galicia Marc Taeger pódense contemplar ilustracións dos álbums “Garavanciño” e “A verdadeira historia de Carapuchiña” (Premio Daniel Gil de Deseño Editorial 2005).
O coruñés David Pintor, que forma parte do dúo de humor gráfico Pinto&Chinto, asina as ilustracións do libro de relatos “Contos para nenos que dormen deseguida” (Premio Xosé Neira Vilas 2011 da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil). Esta última obra foi seleccionada para participar na exposición de ilustradores da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña e na Bienal de Bratislava. A título individual, tamén participa na mostra con ilustracións do caderno de viaxe titulado “Compostela”.
O ourensán Pablo Otero expón ideogramas baseados no libro “Gramática da fantasía”, de Gianni Rodari, e tamén unha parte das montaxes escenográficas que deron lugar ao libro “ABCdiario”, no que representaba artisticamente as letras do alfabeto. Tamén ourensán, afincado na bisbarra de Compostela, Óscar Villán reúne ilustracións dos álbums “O coelliño branco” (Premio Nacional de Ilustración 1999) e “A cebra Camila”.
Pola súa parte, Federico Fernández participa na mostra coas ilustracións de “Chivos chivóns” e “Onde perdeu Lúa a risa?” (Premio Nacional de Ilustración 2001 e incluido na prestixiosa selección internacional The White Ravens 2002).
Os pontevedreses Juan Rivas e Alicia Suárez contribúen con cadansúas obras a esta exposición. Juan Rivas presenta as obras elaboradas para “As fabas máxicas” e “Ire”, mentres que Alicia Suárez asina a proposta estética de “A ratiña presumida”, que serviu para editar un libro da colección Makakiños adaptado á linguaxede pictogramas SPC, destinado a nenos e nenas con autismo e outras discapacidades intelectuais.
Do humorista gráfico e ilustrador Kiko Dasilva pódense ver algunhas montaxes tridimensionais elaboradas para os libros “A memoria das árbores” e “Moncho e a mancha”. Tamén a base de cerámica e esmalte son as pezas de Francisco Pérez Porto que ilustran o libro-cd do grupo Na Virada para o libro “Solaina”.
O Espazo EMAO abre as súas portas de martes a sábados entre as 19:00 e as 21:00 horas para compartir estes traballos artísticos. Dende o pasado mes de xaneiro, a sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios é un lugar aberto a toda a cidadanía viguesa para a difusión da cultura e da creación, en forma de coidadas obras artesás e artísticas. A oferta expositiva do Espazo EMAO complementa a faceta académica e formativa desta Escola centenaria, na que se se imparten clases de artesanía do coiro, encaixe de palillos, moda e confección, ourivaría, pintura, debuxo, volume e modelado, escultura e talla en madeira, cerámica artística, encadernación, serigrafía, clases de construcción de zanfona, gaita e luthería antiga.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén da presentar a convocatoria de premios ao desenvolvemento de novos contidos educativos dixitais. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 6 de maio de 2011, inclusive. A publicación desta resolución está aliñada coa estratexia da Xunta de Galicia de introdución das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na práctica educativa e ten coma obxectivo promover a elaboración de contidos educativos adaptados ao novo contexto dixital que se está a impulsar por parte das diferentes Administracións.
Pódese consultar no portal espazoAbalar
Os galegofalantes teñen que escoitar habitualmente preguntas deste tipo, preguntas que revelan os prexuízos lingüísticos que aínda perviven, e mesmo se reforzan e “actualizan”, na nosa sociedade. Mudar as imaxes negativas que existen sobre a nosa lingua é algo clave para avanzar na súa normalización.Por todo isto, dende a Coordinadora Galega de ENDL abrimos un espazo na rede para lle dar forma a unha iniciativa de longo alcance que agardamos encher co contributo de todas e todos nós: Polo de agora, compilamos algúns recursos e experiencias arredor desta temática, materiais que irán aumentando na medida en que nos fagades chegar todos aqueles que tedes elaborado nos vosos respectivos centros. Neste primeiro momento lanzamos unha campaña para provocar a reflexión sobre un dos prexuízos máis presentes cara á nosa lingua, o que se recolle no adhesivo que elaborou o debuxante Fran Bueno.
Abrimos, así mesmo, e para abaratar custes, un período de pedimentos para a edición conxunta deste adhesivo para todos aqueles equipos de normalización que esteades interesados en distribuílo no seo da comunidade educativa, especialmente entre o alumnado. O procedemento será o habitual nestes casos: débese cumprimentar o formulario que hai na páxina e ao remate do prazo, fixado para o venres 29 de abril, os paquetes serán enviados aos centros.
Este muro comezouno o alumnado de 4º da E.S.O. do NS Esperanza, podedes engadir post sobre a figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Lois Pereiro, simplemente con facer dobre clic no muro.
O 31 de Xaneiro de 1809, aparece no barrio do Areal o exército francés de Napoleón. O pobo enrudecido pedía a berros a defensa, pero tanto a Corporación Municipal como o gobernador militar da praza, fundándose en que non contaba con homes, nin con armas, nin con víveres para a defensa, opinaban que se entregasen, porque se o inimigo atopaba resistencia, caería sobre eles e causaríanlle males irremediables.
A un continxente numeroso de paisanos, dispostos a non deixar saír un francés vivo da praza, uníanse continuamente os mozos e veciños da vila, que burlando a vixilancia do inimigo hóspede, saían ao campo con víveres e municións, dispostos a engrosar as filas dos sitiadores, quen xa nos primeiros días do bloqueo tomaron tales bríos, que as partidas francesas que saían ao forraxeo, víronse obrigadas a non afastarse máis dun tiro de canón sen ser continuamente molestados pola veciñanza, que sempre lles obrigaba a retirarse con perdas e adoitaba perseguirlles encarnizadamente entrándose polos arrabaldes, a pesar do incesante lume de artillería e fusilería que o inimigo facía desde as murallas. Os frades do convento de Santa Marta, onde se establecese o Hospital dos franceses, serven de emisarios, figurando á fronte deles o entusiasta Frei Andrés Villageliú que desde o campamento introducíase secretamente na vila, para alentar o ánimo dos veciños e infundirlles esperanzas de pronta liberación.
Os piadosos frades fabricaban tamén cartuchos e balas e arrebataban aos inimigos enfermos armas e municións. Frei Andrés volveu entrar de incógnito por segunda vez na praza, con perigo inminente da súa vida, sacou outras 10 arrobas de pólvora con que municionou aos seus. ¡Acción valorosa que supón no franciscano atrevido, tanto caudal de enxeño como de valor!.
O branco destes patrióticos traballos era a Reconquista de Vigo. Ideal abrazado con entusiasmo por todos os guerrilleiros, e amado ata o delirio pola veciñanza, disposto a todo sacrificio con tal de arroxar do seu chan a un inimigo, que o era de todas as súas leis, ideas e crenzas, e que non cesaba de oprimirlle con vexacións continuas. Aprisionada así a praza, non con arco de ferro, porque as armas e as municións eran escasas, pero se co muro infranqueable dos seus brazos e dos seus peitos chegou a Vigo o Capitán D. Bernardo González (Cachamuiñas).
Como os franceses insistían en non renderse, coa intención de gañar tempo para recibir o socorro pedido aos seus compatriotas, acordouse por todos o asalto á praza na noite do 27 de marzo, avisando ás fragatas Inglesas e ao Concello con quen obraban de acordo.E á noitiña daquel día tráxico, envolvida a cidade nas sombras da noite. Armados de fusís, coitelos, paus, chuzos e machadas, empezou o definitivo ataque da veciñanza sitiadora sen medo ao lume das tropas inimigas, e sen que nada lles arrede, nada lles deteña, nada lles intimide resoltos, veloces,. impetuosos, facendo un nutrido lume de fusilería, avanzan, corren en multitude a escalar os torreóns da muralla pola porta da Gamboa e pola porta do Sol; mentres por distintos lados, as dúas fragatas vomitaban lume nutrido sobre os fortes ocupados polas tropas inimigas. Alguén propuxo improvisar un ariete para derrubar a porta da Gamboa punto estratéxico de entrada nesta vila.Aproxímanse os nosos reconcentrando alí todo o combate, arrastrando aqueles valentes por todas partes á morte e desprezando o perigo das tropas inimigas, que incitaban á pelexa cos seus tambores e claríns, co ruído dos disparos das súas armas e co agudo rinchar dos seus cabalos; destacouse entón de entre eles un ancián mariñeiro do BerbésCAROLO que manexando feramente un machada cun valor impropio da súa idade, arroxouse cara a aquela firmísima entrada cuxo nome ía a inmortalizarse aquela noite, descargando sobre ela veloces golpes que a despedazaban en achas, facendo saltar faíscas sinistras das súas ferraxes, ata que unha bala inimiga derrubouno traidoramente en terra.Asediados e sitiadores, mudos de asombro, contemplaban o afanoso empeño homérico daquel valente, que rapidamente foi secundado polo esforzado capitán de gandeiros González Cachamuiña, que se adianta, arrinca o machada das crispadas mans do moribundo mariñeiro e, con forza hercúlea e man poderosa, descarga o machada sobre as grosas madeiras facendo resoar os seus continuados golpes nos ámbitos da praza, coma se eles fosen aldrabadas descargadas por man dun xigante, ata conseguir derrubala. E ao volverse aos seus alentándoos, este valente tamén caeu ferido sobre o irto mariñeiro, tendo que ser retirado de alí en brazos dos seus. O ataque (di Trasfogueiro no parte oficial) empezou ás oito e media da noite coa maior bizarría por tropas e veciñanza, que se disputaban a gloria de ser os primeiros no salto.
“ Durou o lume por espazo de dúas horas; e aínda que recibín parte do capitán D. Francisco Miranda que me aseguraba da capitulación do inimigo, tiven moito traballo en conter o ardor da xente empeñada na acción. Para rematar, percorrendo eu as filas por medio das balas para facer cesar o lume puiden lograr que as miñas grandes voces fixésense oír, e dunha e outra parte cesou o tiroteo.A pouco tempo presentábanse dous oficiais franceses a entregarme as ratificacións asinadas, e en consecuencia dispuxen retirar a xente aos seus postos, deixando as correspondentes avanzadas”.
As tropas francesas foron levadas polas embarcacións Libely e Venus da armada inglesa, deixando así a Vila de Vigo que foi proclamada como leal, nobre e valorosa desde esta data coñecida como a Reconquista de Vigo.
O ENDLG do IES de Beade vén de crear unha voz en galego para os GPS da marca TomTom. A voz é de Irene Luaces, alumna de 3º ESO-C.
Unha interesante iniciativa que nos permite empregar a nosa lingua en actividades tan habituais coma os desprazamentos polas cidades.
A voz está compartida no servidor de TomTom, polo tanto podedes utilizar o programa TomTom HOME para descargala e instalala automaticamente no voso navegador GPS. Para buscar a voz escribide Irene-IES Beade ou poñede galego como filtro.
Seravos de moita utilidade, de seguro.
Para acceder ás instrucións de descarga e instalación premede neste enderezo:
Presentámosvos un traballo excelente para desenvolver nas aulas elaborado por Xosé María Moreno, do IES de Beade. Toca de novo o tema da autoxenreira tendo como base á polémica concursante de GH, pero desde un punto de vista instructivo en comparación cos prexuízos raciais. Un material que dará pé a un interesante debate nas aulas.
ADXUNTÁMOSVOS UNHA UNIDADE DIDÁCTICA ORIENTADA A ESE DEBATE.
Conscientes da importancia que ten a recuperación da memoria histórica da cidade de Vigo, e da cal a parte antiga constitúe a súa esencia, propomos que o proceso de rexeneración que o Concello e os veciños desexan para a cidade vella vaia acompañada da recuperación dos seus sinais de identidade, parte dos cales, residen nos nomes históricos das súas rúas; nomes que nos recordan antigas actividades relacionadas con elas, así como suxestivas resonancias medievais.
Durante séculos estas rúas mantiveron o seu nome orixinal, perdéndoo moitas delas na segunda metade do s. XIX e primeira do s. XX, por un mal entendido sentido do progreso que consideraba excesivamente rural e pouco oportuno para a cidade que Vigo aspiraba a ser, nomes como o da Praza da Herba, ou a da Leña, ou mesmo a Baixada da Pulga, que algúns confundían co do parasito, esquecendo que a súa orixe estaba na torre de mesmo nome que nese lugar existiu. Outras veces foi a louvábel intención de honrar algunha persoa ilustre o que provocou a mudanza do nome; consideramos que este fin nobre non se debe facer á custa de perder o respecto pola historia.
XORXE RODRIGUES GOMES
IES POLITÉCNICO.
Con este traballo podedes practicar e ensinarlle ao alumnado o nome antigo das rúas, cómo se chamaba antes a rúa onde viven e as colindantes, ou significativas para eles, ubicación do centro, casa de amigos...e incluso engadir datos a esta recuperación, cómo lle chaman os seus avós as distintas rúas, e os seus pais? Aquí vos deixamos carta libre para un traballo didáctico e divertido.
O Prestige foi un petroleiroque afundiu fronte ás costas galegas en 2002 producindo unha inmensamarea negra, que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée en Francia, tendo especial incidencia na Galiza.
O Prestige era un petroleiro monocasco de titularidade grega que viaxaba con bandeira das Bahamas, cuxo propietario era supostamente liberiano e fora fretado por unha compañía petroleira rusa baseada en Suíza. Tivera como nome anterior Mt Gladys. Medía 243 m de eslora, 34,4 m de manga e 18,8 m de calado. A capacidade de carga era de 85.000 m³ e o combustíbel (fuel oil) ocupaba 4.500 m³. Transportaba fuel oil en 12 tanques, de entre 3.200 e 12.000 m³.
O 13 de novembro de 2002 un dos tanques rebentou durante unha tempestade á altura de Galiza. Temendo que se afundise, o capitán, Apostolos Mangouras, solicitou a axuda dos servizos de rescate españois, agardando poder refuxiarse nun porto. Non obstante, as autoridades demoraron en actuar e decidiron finalmente obrigar ao capitán a afastar o buque da costa e dirixirse cara o noroeste, crendo así evitar o risco. A secuencia de acontecementos é confusa; é posíbel que as autoridades francesas presionasen para que se dirixise cara o sul; Portugal tamén lle prohibíu achegarse.
Nesta tesitura, a tripulación abandonou o barco e este, a mercé das ondas, deteriorouse e unha sección da proa rachou e deitou ao mar unha grande cantidade de fuel oil. Ás oito da mañá do 19 de novembro, o petroleiro fendéuse pola metade e afundiu completamente esa mesma tarde. Estaba a uns 250 km das costas galegas e a marea negra xa chegara á costa. O capitán foi detido e acusado de non cooperar cos equipos de salvamento e de causar danos ao medioambiente.
Vertéronse ao mar 5.000 toneladas métricas de fuel oil. Logo de afundirse continuou deitando unhas 125 ao día, creando unha maré negra que contaminou o leito mariño e contaminou a costa, afectando especialmente á Costa da Morte entre Muxía e Carnota. A área afectada non só constitúe unha rexión ecolóxica moi importante, senón que ten na pesca unha das súas fontes de ingresos máis importantes. A contaminación provocada forzou ao goberno autonómico a suspender as actividades pesqueiras durante seis meses.
A pesares de ter propietario o barco, as investigacións xudiciais pertinentes non chegaron ata un 'responsable direito' deste accidente. As investigacións amosaron de igual xeito as fallas no buque, e a falla de medidas de seguridade na costa atlántica.
AQUÍ VOS PRESENTAMOS OS VIDEOS ELABORADOS POR ESTE PROFESOR, E UNHAS UNIDADES DIDÁCTICAS PARA TRABALLAR NAS AULAS DE SECUNDARIA E BACHARELATO.
Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o Verbum ofrece esta programación especial na que a compañía Fulano, Mengano e Citano fará un percorrido en clave de humor a través da historia de Galicia. Nunca Menos lévanos por todos eses períodos de luces e sombras, ás veces de apagón total, que fixeron de nós o que hoxe somos. Trátase dunha viaxe de ida e volta ao alucinante pasado de Galicia do que os librosde historia nunca nos falaron. Nunca Menos é un paseo polas orixes, os costumes e as tradicións desta terra de bispos e reis, nobres e servos, heroes e tiranos, situada entre a fin do mundo e o norte de Portugal.
A obra está construída en base a niveis diferentes de lectura e interpretación, o que permite un achegamento igualmente válido tanto para mozos como para adultos.
Ao mesmo tempo, a fidelidade das fontes consultadas danlle a Nunca Menos un valor didáctico engadido que axuda a espertar a curiosidade pola nosa historia, mediante a utilización dunha linguaxe próxima e directa.
Datas: Martes 29, mércores 30, xoves 31 de marzo e venres 1 de abril de 2011
Horario: de 11h a 12:30h
Lugar: Salón de actos – Verbum Casa das Palabras
Destinatarios: alumnos a partir de 2º ciclo de secundaria e Bacharelato
Entrada: gratuíta
Aforamento: 120 persoas
Reservas a través do teléfono 986 240 130 ou do enderezo electrónico verbum@vigo.orgen horario de 10 a 14h. e 16 a 19h.
O XXV ENCONTRO de Educadores/as pola Paz, vai ser a nova cita das educadoras e educadores pola paz de Galicia e Portugal, así como doutras terras de España e outros países que nos adoitan acompañar e, xa está programada.
Será en Allariz-Ourense, unha das cidades na que antes abrollou a semente da paz. Vai ser un Encontro especial, por ser a vixésima quinta edición, logo de organizarse nela os primeiros da man de Xesús (Suso) R. Jares. Seguiremos a afondar nas liñas de traballo encetadas fai 25 anos, mais nos novos escenarios do século XXI, enmarcándoas na actualidade desta temática na nosa comunidade, a través do estudo, creación e intercambio de Alternativas, estratexias e recursos para unha convivencia democrática no marco da Educación para Paz.
Agardamos a vosa presenza e participación activa nesta nova cita.
Ata abril, mes da liberdade e da paz, en Allariz ( Ourense).
A Campaña Mundial pola Educación (CME) promove a educación como un dereito humano básico e a presión política sobre os gobernos e a comunidade internacional para que cumpran as súas promesas de prover educación básica gratuíta, obrigatoria e pública a todas as persoas; en particular á infancia, as mulleres e os sectores desfavorecidos da sociedade.
A Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) 2011 ponse en marcha baixo o lema:
"A educación non é un conto. Polos dereitos das nenas e as mulleres"
COMO PARTICIPAR NA SAME 2011?
1. Traballando as propostas didácticas.ESO, EPA E BACHARELATO.
2. Participando en A Gran Historia e algúns dos actos que se organizarán en toda España durante a SAME, nos que recordaremos aos representantes do goberno español os seus compromisos e a necesidade de que poñan a educación das mulleres e as nenas na primeira páxina da súa axenda.
3. Uníndote á campaña e deixando o teu conto na nosa páxina web. Ademais de asinar en apoio desta, coñecerás a importancia da educación das mulleres e as nenas, as noticias da campaña ou as actividades que se están a realizar noutras partes do mundo.
Poñemos á vosa disposición un novo blogue da CDEDLG de Vigo, o Dinamiza cdedlg. http://dinamizacdedlg.blogspot.com/ Abrimos cun monográfico sobre Álvaro Cunqueiro. Nesta páxina podedes atopar información variada sobre o autor para levar a cabo traballos e actividades nas aulas.
Nesta primera andaina aportamos información aplicable a ESO e Bacharelato, biografía, bibliografía, videos e artigos de interese sobre o autor e a súa obra. Iremos engadindo actividades enfocadas a E. Infantil e Primaria, e subiremos as aportacións dos centros, que axudarán a profundizar na figura do prolífico autor galego, todo isto no marco do proxecto : " A semana de Cunqueiro" que proximamente levaremos a cabo nas aulas dos centros vigueses.