luns, 28 de febreiro de 2011

CURSO DE REGUEIFA POLOS CENTROS EDUCATIVOS DE VIGO.

Luís Caruncho e Pinto d’Herbón, dous dos mellores improvisadores da regueifa en Galicia, percorren estos días varios centros educativos de Vigo para lle dar ao noso alumnado as claves necesarias para construíren regueifas.
A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado. Ademais, ten a característica de que cada regueifeiro canta unha estrofa de catro versos octosílabos nos que riman os pares e quedan libres os impares (de maneira que formalmente coincide coa copla popular). Pode verse certo parecido coa tençón medieval, na que tamén había unha disputa entre dous trobadores sobre un tema determinado, mais a regueifa foi e é máis popular.
A orixe desta controversia cantada ten que ver coa regueifa, que era un molete de pan -ou unha rosca de ovo e azucre- que antigamente se regalaba nas vodas aos convidados e aos mozos e mozas da parroquia non convidados (ou de fóra dela). A parte divertida consistía en "cantar a regueifa": un cantador dos de fóra da parroquia botaba unha copla meténdose cos de dentro, e entón un cantador da parroquia respondíalle. Iniciábase así entre os dous unha disputa dialéctica de coplas improvisadas cada vez máis incisivas, ás veces escarnecedoras para os noivos ou para as súas familias, de xeito que o certame poético podía rematar nunha pelexa. Por esta razón, os da casa escollían unha madriña para bailar a regueifa e armaren unha foliada salvadora. O regueifeiro gañador, aquel que cantaba a última copla, era quen tiña a honra de partir e repartir a regueifa.
Os temas da regueifas son variados, mais polo xeral, hai unha boa dose de humor ou retranca, o que fai que este tipo de cantares sexan moi divertidos para todos os públicos. A controversia entre os regueifeiros pode durar horas, e gáñaa o que canta a última copla.
O alumnado, tras unha primeira sesión de dúas horas donde coñecen a tradición e a orixe da regueifa e empezan a iniciarse na rima, acaba improvisando con soltura e inxenio versos, e o máis importante, facéndoo en lingua galega, e tirando do noso léxico. Pintos e Caruncho promoven esta habilidade no noso alumnado ao longo de todo o país, tanto en centros ubicados no rural, como en zonas urbanas. No mes de Abril haberá unha segunda volta, donde tras unha selección por parte do profesorado, e co asesoramento destes especialistas, @s mellores improvisadores prepararanse para participar nun certame que terá lugar a finais de Maio. Esta actividade está promovida polo ENL do Concello de Vigo, e ten moita aceptación por parte do alumnado e o profesorado. Aquí poñemos unha mostra dunha primeira sesión do curso, tomada do IES Beade TV, onde Luís Caruncho explica, cantando, a diversidade de improvisadores en verso que hai no Estado Español.

Fonte: IES Beade TV.

Ningún comentario:

Publicar un comentario